Actividades Foro Xustiza e Discapacidade

Mención especial merece a atención posta desde o Consello Xeral do Poder Xudicial, co impulso do foro, na creación de xulgados especializados en materia referente ás persoas con discapacidade. Esta iniciativa traduciuse ben na creación de xulgados novos, ben na especialización material doutros preexistentes, así como a especialización na segunda instancia e, en todo caso, complementouse cunha decidida acción formativa encamiñada a acadar as maiores cotas de calidade da prestación da xustiza nesta orde. Cómpre salientar que a especialización destas materias é unha prioridade no plan que para a modernización da xustiza está acometendo o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Na actualidade existen 13 especializados en incapacidades, 52 en familia e incapacidades e 20 seccións de audiencias especializadas en familia e incapacidades.

Cómpre salientar que desde o foro se vén pulando pola creación dun servizo de orientación xurídica a discapacitados e familiares, e neste sentido especial mención merece a sinatura do convenio de colaboración entre a Comunidade de Madrid e o Ilustre Colexio de Avogados de Madrid para a prestación do servizo de orientación xurídica específica destinada ás persoas con discapacidade. O noso obxectivo é estender estes convenios ao resto de España, e nesta liña mantivemos contactos cos colexios de avogados de Málaga, Burgos, Murcia e Castela A Mancha.

Actividades formativas: Desde o ano 2008 véñense realizando dous cursos anuais, dentro do plan estatal de formación para membros da carreira xudicial e distintos integrantes das institucións que compoñen o Foro Xustiza e Discapacidade.

Creación dos premios Foro Xustiza e Discapacidade: O órgano reitor do Foro Xustiza e Discapacidade estudou a "determinación dos premios Foro Xustiza e Discapacidade que entregará o Consello Xeral do Poder Xudicial, criterios para a súa selección e para o outorgamento". Por unanimidade de todos os asistentes adoptouse a decisión de que o premio do Foro Xustiza e Discapacidade debe destacar unha ou varias actuacións relevantes en defensa dos dereitos das persoas discapacitadas ou incapacitadas e a favor da súa mellor integración social, tanto a título persoal coma no ámbito de actuacións corporativas.

Ao longo destes tres anos concedéronse os seguintes premios:

  • A unha traxectoria persoal, "polo labor desenvolvido a favor das persoas que padecen algún tipo de discapacidade":
    • E con carácter de póstumo, ao Excmo. Sr. D. Federico Sainz de Robles.
    • Ao Excmo. Sr. D. Javier Laorden Ferrero, polo labor realizado como presidente do órgano reitor do Foro Xustiza e Discapacidade.
    •  Ao Excmo. Sr. D. Rafael Leña Fernández, notario de Sevilla.
  • A unha actuación empresarial, "pola súa contribución á integración laboral das persoas que padecen discapacidade":
    • Ao Grupo Siro
    • Á Fundación Vodafone
    • A Á empresa Eulen S. A.
  • A un medio de comunicación social, "polo tratamento dado á información sobre o colectivo de persoas que padecen discapacidade":
    • Á Axencia de Noticias Servimedia
    • A D. José Luis Fernández, da Cadena SER
    • A Canal Down 21, portal de referencia para a síndrome de Down.
  • A unha institución, "polo importante labor realizado no exercicio do seu cargo en favor das persoas que padecen discapacidade":
    • A D. José Javier Soto Ruiz, Defensor do Discapacitado da Comunidade Autónoma de Estremadura.
    • Ao padre D. Jaime Garralda, fundador da ONG Fundación Padre Garralda-Horizontes Abiertos.
    • Á Excma. Sra. D.ª Esperanza Aguirre Gil de Biezma, presidenta da Comunidade de Madrid.

Libros publicados :

  • No ano 2006 publicouse a Guía para directivos públicos sobre inserción laboral das persoas con capacidade límite, patrocinada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, a Asociación NABIU e a Fundación AEQUITAS, e impulsado desde o foro. O seu obxectivo é, dun xeito sinxelo, facilitarlles aos directivos do sector público as mellores formas de levar a cabo a inserción laboral deste colectivo de persoas no devandito sector.
  • No ano 2008 e 2009 o Consello Xeral do Poder Xudicial canda o Foro Xustiza e Discapacidade, editou a Guía dos dereitos das persoas con discapacidade, coa colaboración da Obra Social de Caixa Madrid. Esta guía consta de tres volumes cuxa sistemática facilita o coñecemento de todas aquelas cuestións relacionadas coa realidade social da discapacidade, desde os seus aspectos xurídicos, patrimoniais, socio-sanitarios e desde o punto de vista do dereito comparado, sempre tendo presente, moi especialmente, como non podía ser doutro xeito, a dignidade e os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade.
  • Guía Persoas maiores vulnerables: maltrato e abuso, cuxa presentación se realizou en xaneiro do ano 2010. Esta guía foi elaborada por representantes de todas as institucións que integran o Foro Xustiza e Discapacidade, así como por diversos expertos que colaboran nel.

Traballos:

  • Reflexión e investigación da situación actual para pór medidas preventivas contra a violencia física, psíquica, sexual e económica que se produce sobre as persoas con discapacidade, así como o establecemento das recomendacións precisas para a protección contra a explotación, a violencia e o abuso físico, psíquico, económico e sexual.
  • Resolución relativa ao xogo ilegal e a necesidade de regulación dos xogos en liña en relación coas persoas con discapacidade.
  • Apoio da creación de centros de día especializados que continúen o dereito á educación ao longo da vida dos discapacitados segundo a convención das Nacións Unidas.
  • Estudo sobre a Lei 1/2009, do 25 de marzo, de reforma da Lei do 8 de xuño de 1957, sobre o Rexistro civil, en materia de incapacitacións, cargos tutelares e administradores de patrimonio protexidos.
  • Estudo da Lei 41/2003, do 18 de novembro, sobre protección patrimonial das persoas con discapacidade e de modificación do Código civil, da Lei de axuizamento civil da normativa tributaria con esta finalidade.
  • Informe da Convención Internacional das Persoas con Discapacidade e o seu impacto no ordenamento xurídico español. Presentación por parte da ONCE do Consorcio Europeo de Fundacións para os Dereitos Humanos e a Discapacidade.
  • Estudo das Regras de Brasilia, coa creación dun grupo de expertos deste foro, sobre o acceso á xustiza das persoas con discapacidade en condición de vulnerabilidade, que se acordaron no XIV Cumio Xudicial Iberoamericano que se levou a cabo en Brasilia do 4 ao 6 de marzodo 2008.