Un xulgado avala a baixada do billete do autobús urbano da Coruña aprobada polo Concello en 2018

A maxistrada indica na sentenza que se detectou un beneficio “extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 da Coruña avala a baixada das tarifas do autobús urbano da cidade aprobadas polo Concello en 2018 e que entraron en vigor en 2019. O Xulgado rexeitou, polo tanto, o recurso interposto pola Compañía de Tranvías fronte aos acordos da Xunta de Goberno Local que provocaron a rebaixa das tarifas do autobús urbano a 1,20 euros (dez céntimos menos), a gratuidade para os menores de 13 anos e o transbordo universal gratuíto.

A maxistrada indica na sentenza que se detectou un beneficio “extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías, polo que entende que, tendo en conta a duración do convenio —trinta e oito anos—, entra “dentro do razoable e proporcionado que o Concello poida revisar as tarifas”. A xuíza lembra que, ata 2018, os prezos revisáronse “sempre á alza”, á vez que cualifica de “desproporcionado” o equilibrio entre o beneficio da empresa e o interese público da cidadanía. “Isto tamén determina que non proceda compensación económica ningunha, pois o beneficio da Compañía de Tranvías pasa de ser extraordinario a razoable”, subliña.

Ademais, a titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 da Coruña destaca que a modificación tarifaria se realizou mediante un “procedemento complexo, con tres informes internos, dous externos e unha consulta á Comisión Nacional dos Mercados e da Compensación”. A maxistrada rexeita que fose necesario aprobar unha nova ordenanza para executar a rebaixa, pois as tarifas xa estaban en vigor. “Non se establece unha nova tarifa, como non se establecía na revisión que viña realizando anualmente, senón que se axustou, partindo dos datos existentes, a uns beneficios razoables da concesionaria para adaptala ás esixencias do dereito comunitario”, manifesta. A xuíza conclúe que a orde de redución do prezo do billete do autobús urbano foi ditada polo órgano competente e seguindo o procedemento legalmente establecido.