Atribucións da Sala de Goberno

A Sala de Goberno, como máximo órgano gobernativo colexiado do Tribunal Supremo, desempeña a función de goberno do tribunal e, en particular, compételle (artigo 152 da LOPX):

1º Aprobar as normas de reparto de asuntos entre as distintas seccións de cada sala.

2º Establecer anualmente con criterios obxectivos as quendas precisas para a composición e o funcionamento das salas e seccións do tribunal, así como de modo vinculante as normas de asignación dos relatorios que deban aquendar os maxistrados.

3º Adoptar, con respecto á inamovilidade xudicial, as medidas necesarias nos casos de disidencia entre maxistrados que poden influír na boa orde dos tribunais ou na Administración de Xustiza.

4º Completar provisionalmente a composición das salas nos casos en que, por circunstancias sobrevidas, fose necesario para o funcionamento do servizo, sempre sen prexuízo de respectar o destino específico dos maxistrados de cada sala.

5º Propoñerlle motivadamente ao Consello Xeral do Poder Xudicial os maxistrados suplentes expresando as circunstancias persoais e profesionais que neles concorran, a súa idoneidade para o exercicio do cargo e para a súa actuación nunha ou varias ordes xurisdicionais, as garantías dun desempeño eficaz da función e a aptitude demostrada por quen xa actuase no exercicio de funcións xudiciais ou de substitución na carreira fiscal, con razoada exposición da orde de preferencia proposta e das exclusións de solicitantes. As propostas de adscrición de maxistrados suplentes como medida de reforzo estarán suxeitas a idénticos requisitos de motivación dos nomes e da orde de preferencia propostas e das exclusións de solicitantes.

6º Exercer as facultades disciplinarias sobre maxistrados nos termos establecidos nesta lei.

7º Propoñerlle ao presidente a realización das visitas de inspección e información que considere procedentes.

8º Promover os expedientes de xubilación por causa de incapacidade dos maxistrados e informalos.

9º Elaborar os informes que lle solicite o Consello Xeral do Poder Xudicial e a memoria anual expositiva sobre o funcionamento do tribunal, con expresión detallada do número e clase de asuntos iniciados e terminados por cada sala, así como dos que estiveren pendentes, precisando o ano da súa iniciación, todo iso referido ao 31 de decembro. A memoria deberá conter, en todo caso, a indicación das medidas que se consideren necesarias para a corrección das deficiencias advertidas.

10º Propoñerlle ao Consello Xeral do Poder Xudicial a adopción das medidas que xulgue pertinentes para mellorar a Administración de Xustiza en canto aos respectivos órganos xurisdicionais.

11º Recibir o xuramento ou promesa legalmente previdos dos maxistrados que integran os respectivos tribunais e darlles posesión.

12º Recibir informes do secretario de goberno, por iniciativa deste ou da propia sala, en todos aqueles asuntos que, por afectar as oficinas xudiciais ou secretarios xudiciais que del dependan, esixan dalgún tipo de actuación. Neste caso, o secretario de goberno terá voto no acordo que poida chegar a adoptarse.

13º Promover ante o órgano competente a esixencia das responsabilidades disciplinarias que procedan de secretarios xudiciais, do persoal ao servizo da Administración de Xustiza ou de calquera outro que, sen posuír esta condición, preste os seus servizos de forma permanente ou ocasional nesta.

14º En xeral, cumprir as demais funcións que as leis atribúan aos órganos de goberno interno dos tribunais e que non estean atribuídas expresamente aos presidentes. (…)