Un xulgado condena a un veciño de Oza-Cesuras por inxuriar a un concelleiro a través de Facebook

O maxistrado destaca que tamén se referiu aos seus fillos, co propósito de “menoscabar a súa honorabilidade no desempeño das súas funcións no Concello”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 3 da Coruña condenou ao pagamento dunha multa de 1.806 euros, como autor criminalmente responsable dun delito continuado de inxurias con publicidade, a un veciño de Oza-Cesuras polos comentarios que realizou a través da rede social Facebook sobre un concelleiro da localidade e os seus dous fillos. O maxistrado, que tivo en conta a circunstancia atenuante de dilacións indebidas, indica na sentenza que se acreditou que desde o 9 de setembro de 2018 o acusado publicou “numerosas mensaxes nas que alude directamente ao denunciante (a quen se refire como `o honorario´), que é membro da Corporación municipal de Oza-Cesuras desde 1991 e, concretamente, desde o ano 2015 primeiro tenente de alcalde algúns anos máis, sendo na actualidade concelleiro de urbanismo”. Ademais, recalca que tamén nomea aos seus fillos, “todo iso co propósito de menoscabar a súa honorabilidade no desempeño das súas funcións no Concello”.

Ademais da multa, impúxolle a prohibición de comunicarse e de aproximarse a menos de 100 metros da vítima, do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro frecuentado por ela. O xuíz tamén o condenou a indemnizar ao concelleiro con mil euros, en concepto de responsabilidade civil.

O maxistrado explica que, aínda que é certo que consta unha crítica á actuación do edil, o que predomina no texto é “un conxunto de improperios, non só dirixidos a el, senón tamén personalizados en dous dos seus fillos”. Na resolución, o titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña afirma que o que fai o acusado é “despacharse a gusto co concelleiro e a súa familia, acusándoo de actuar de maneira prevaricadora, de poñer os medios do Concello ao servizo do seu propio negocio, de abusar do seu poder, de perseguir e acosar ao acusado, de ter desatendidos aos veciños do Concello, de ter a outros como escravos, de prestar falso testemuño en xuízos, etc.”

Ademais, subliña que o fai “de maneira innecesariamente ofensiva, vexatoria, insultante e con expresións que, á marxe da súa veracidade ou inveracidade, son ofensivas ou oprobiosas e resultan impertinentes para expresar as opinións ou informacións de que se trata”. Así, destaca, entre algunhas das expresións vertidas, as seguintes: “pola cagada coñécese o animal”, “vivindo do conto. Nin oficio nin beneficio, todo pa saca”, “animal con roupa”, “pailán honorario que non supera o graduado escolar nin un test psicolóxico. A súa enfermidade mental xustifica o acorralamento que padezo...”.

O xuíz conclúe que o relato “non supera, evidentemente, os test de veracidade, necesidade e proporcionalidade e é gravemente lesivo da honra do prexudicado”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.